Ciencias

Enerxías renovables, bioloxía, ciencias, política, historia, opinións…

Archive for the ‘buque’ tag

Crónica do desmantelamento do TK Bremen na Bretaña Francesa

with one comment

Na noite do 15 ao 16 de Decembro, o cargueiro de bandeira maltesa TK Bremen, quedou encaiado na praia de Kerminihy preto de Lorient (Bretaña francesa) durante o temporal Joachim. Cunha tonelaxe de máis 2.000 toneladas, 109 metros de eslora e 220 toneladas de fueloil que rapidamente comezaron a saír e contaminaron a praia. As autoridades viron que o barco estaba moi danado como para ser reparado, polo que decidiron desmontalo, coa desvantaxe de que estaban nunha zona da Rede Natura 2000, polo que as precaucións incrementáronse.

 

IMGP4191

 

Fotografía en Flickr de bentanneau

 

Na medianoite do día 15 ao 16 de decembro, o buque TK Bremen con destino a Inglaterra, queda á deriva e pide axuda ao centro de CROS Etel cando se atopa a 2 quilómetros ao sur da da Ria d’Etel.

 

 Mapa de Préfecture Maritime de l’Atlantique

 

Os remolcadores con base en Lorient non poden saír do porto debido ó mal estado da mar (ondas de 5 a 7 metros de altura) e pasadas as 2 da mañá, o capitán acaba pedindo axuda á Prefectura Marítima do Atlántico para desaloxar o buque, sendo rescatados en diferentes quendas, os 19 membros da tripulación por un helicóptero NH90 Caïman da flotilla 33F da Base Aeronáutica Naval de Lanvéoc-Poulmic.

O remolcador de altura Abeille Bourbon con base en Brest recibe a orde de saír para tentar evitar que o buque parta, pero o TK Bremen queda á deriva durante máis de 2 horas e acaba encallando na mañá do 16 de Decembro na praia de Kerminihy onde foi arrastrado pola forte ondada producida polo temporal Joachim que afectaba a Francia e Alemaña neses días.

Vídeo de BFM.TV dende un helicóptero sobrevoando ao barco

O buque contiña 180 toneladas de fuel e 40 de gasoil que rapidamente se estenden pola praia que queda cuberta de hidrocarburos, a pesar dos labores dos servizos de emerxencias por estender barreiras co fin de evitar a polución, especialmente polas dunas e doas as rías próximas, nunha zona catalogada de Natura 2000.

 

 

 Fotografía de TK Bremen – AP Photo – Mael Prigent –  Marine Nationale – Vía The Atlantic

 

O mesmo 16 de decembro co buque encaiado na praia, a ministra francesa de Ecoloxía e Desenvolvemento sustentable, Nathalie Kosciusko-Morizet, chega á zona para coñecer a situación de primeira man e o día 19, o ministro de Agricultura e Pesca Bruno Lle Maire, chega á Ria d’Etel para coñecer a situación na que se atopan as bateas de mexillón e os cultivos de ostras

O 20 de decembro, as autoridades francesas despois de analizar os danos que se produciron no buque, deciden o desmantelamento in situ do buque xa que é imposible sacalo da zona sen que se parta en dúas.

Nos primeiros momentos, a Mariña Francesa comeza o proceso para evitar a contaminación co baleirado dos tanques, pero este labor pásaa a realizar a empresa holandesa Smit, especializada neste tipo de labores xunto con Lles Abeilles International, nunha operación no que o acceso aos tanques estaba seriamente dificultada debido á zona na que se atopa (unha zona de especial protección ambiental).

O 23 de decembro termínase o baleirado dos tanques e de limpeza da praia, momento no que se pecha ao público para realizarse o desmantelamento, que é realizado pola empresa holandesa Europe Déconstruction, que tamén realizaron o desmantelamento do Rokia Delmas en 2006 e do MSC Napoli en 2007.

Os traballos inícianse o 26 de Xaneiro, onde van traballar 40 operarios durante día e noite, para que en 2 semanas, non quede rastro do buque. A operación de desmantelamento estímase nun custo de 10 millóns de euros.

 

 Foto de Préfecture Maritime de l’Atlantique

 

 Fotografía de Le Figaro.fr

A importancia de que o desmantelamento fose o máis limpo posible, débese a que a praia de Kerminihy atópase nunha zona de dunas, pertencentes á rede europea Natura 2000, ademais de que a zona de Lorient na que se atopa, é unha zona coñecida por ter un importante sector mexilloeiro e de cultivo de recoiro, polo que a importancia de evitar unha marea negra e a existencia de metais pesados na auga, era vital.

O consello xeral de Morbihan vaise a acudir como parte civil nun xuízo para pedir responsabilidades á armadora e paguen o custo das operacións de limpeza da praia e desmantelamento do buque.

Segundo publicou a organización ecoloxista Robin deas Bois e posteriormente confirmado por Le Monde, o buque, construído en Corea do Sur en 1982, presentaba importantes deficiencias na estrutura.

Desde 1999 e nunha trintena de inspeccións, detectouse en 2000 problemas na seguridade da navegación, corrosión en 2001, faltas no mantemento dos equipamentos en 2003 e entre 2004 e 2005 diferentes faltas en prevención de accidentes. En 2006, o buque non puido partir dun porto ruso debido a importantes deficiencias en materia de seguridade ata que foron reparadas.

En 2010 nunha inspección en Ucraína detectáronse 6 deficiencias en seguridade contra incendios, seguridade na navegación… pero o buque puido partir. A última inspección foi o 24 de Novembro de 2011 tamén en Ucraína, e atopáronse deficiencias no equipamento contra accidentes e na estabilidade da estrutura do buque.

Recomendado a reportaxe fotográfica de 29 fotografías de The Atlantic co proceso completo

Máis información

Cedre – Tk Bremen – The Incident

Un cargo s’échoue sur la côte près d’Etel (56)

Wikipedia.fr – TK Bremen

Robin Des Bois – TK Bremen

Salvaging the TK Bremen

Malmené par la tempête, un cargo s’échoue en Bretagne

Cargo échoué : l’armateur sommé de réhabiliter le site

Le cargo échoué en Bretagne sera sûrement démantelé

Le démantèlement du cargo échoué en Bretagne a débuté

Le capitaine du “TK-Bremen” est devant la justice

TK Bremen. Le démantèlement terminé, le site va pouvoir être nettoyé

TK Bremen: le Morbihan partie civile 

Les inspections du “TK Bremen” soulignaient des déficiences de structure

Written by ar

Xaneiro 30th, 2012 at 7:06 p.m.

Mangouras non é o verdadeiro responsable da catástrofe do Prestige

without comments

Esta semana coñeceuse que a Fiscalía pide 12 anos de prisión para o capitán do buque Prestige, Apostolos Mangouras, e un total de 2.233 millóns de euros de indemnización polos danos causados pola ‘marea negra’ derivada do afundimento do Presige en 2002. Apostolos Mangouras é dos máis inocente de todos os implicados, porque era un mandado. Os verdadeiros culpables ocupaban o Palacio da Moncloa e San Caetano.

Mangouras foi un auténtico chibo expiatorio empregado polo Goberno Español e o Galego, para quitarse as responsabilidades da xestión do Prestige. Un chibo expiatorio porque era un subordinado da armadora e un subordinado do Ministerio de Fomento, xa que cando pediu a axuda, perdeu a capacidade de controlar o buque. De feito, a súa intención era buscar un porto refuxio e/ou traspasar a carga en alta mar, pero os políticos do momento, querían mandalo ao “quinto piñeiro”.

No escrito de acusación, o fiscal especial Álvaro García Ortiz, considera que Mangouras:

“con pleno coñecemento dos riscos que asumía, non impediu a saída (do Prestige) de porto, emprendeu a travesía, mandou e tripulou o buque con numerosas deficiencias, comprometeu a seguridade do barco, puxo en perigo á tripulación no momento do colapso, e obstruyó a actuación das autoridades españolas de salvamento marítimo”.

Esquece o fiscal especial, que Mangouras era un mandado e aínda que era o responsable do barco, os que mandaban estaban en Londres. ¿É responsable de saír co barco en mal estado? Si, evidentemente era el o capitán do barco, pero non é o responsable da catástrofe tal e como se lle quere facer pasar.

Os verdadeiros culpables

Os verdadeiros culpables, son o entón director xeneral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, así como o resto de cargos públicos do Goberno de Aznar e da Xunta de Manuel Fraga, como eran Francisco Álvarez Cascos, Ministro de Fomento e verdadeiro responsable de facer vagar sen rumbo ao Prestige até o seu destino definitivo no “quinto piñeiro” e que foi o que provocou de verdade a catástrofe.

Non conviña que se vise o chapapote na costa galega, repetindo outro Mar Exeo na Torre de Hércules. A pesar da censura informativa das cadeas públicas TVE e TVG, así como da privada Antena 3 Televisión, o chapapote saíu á luz e non quedou outra que sacalo, aínda que segundo Rajoy; Vicepresidente do Goberno, fosen uns “hilitos”

“En estos momentos, la estructura se encuentra deformada. Hay planchas dobladas hacia adentro. Se piensa que el fuel está aún enfriándose, salen unos pequeños hilitos, los que se han visto, hay en concreto cuatro regueros que se han solidificado con aspectos de plastilina en estiramiento vertical. Debe salir de alguna de las grietas. Están los técnicos estudiando que significa eso”
(Marianin Rajoy, 5 de diciembre de 2002)

Se o barco fose levado a un porto de abrigo (ofrecéronse diversas alternativas viables durante o problema), a catástrofe evitouse e o chapapote non chegaría desde Portugal até a Canle da Mancha. Mágoa que os xuíces non se atrevan a ir até os verdadeiros responsables.

Ligadas

Mangouras, de héroe a villano, ocultó fallos del ‘Prestige’

Mangouras zarpó con el motor principal del petrolero averiado y sin dispositivos de remolque

Mangouras, ni héroe ni villano, sino todo lo contrario

Prestige

Los técnicos del armador daban el «Prestige» por perdido y ni se planteaban solicitar refugio

Piden un premio para Mangouras

Las grabaciones prueban que Fomento toleró la negociación del “Prestige” con su armador

El ocaso del fraguista apasionado

Written by ar

Xuño 10th, 2010 at 4:28 p.m.

Se comerciaran con alimentos, mellor lles iría.

without comments

Hoxe coñeceuse que os Emiratos Árabes Unidos (EAU) capturaron fai unhas semanas unha embarcación procedente de Corea do Norte cargada con armas e con destino a Irán, e que esta captura “viola a prohibición de que Corea do Norte comercie con armas con outros países” debido a unha resolución da ONU de 2006.

O certo, é que se en lugar de armas, o goberno de Ahmadineyad se decidira a axudar á súa poboación civil (a inflación chegou no 2008 ao 26%) con mellora da agricultura, ou se dedicasen a comprar materiais para a construción de novas refinerías en Irán (Irán, malia ser un dos maiores produtores mundiais de petróleo, necesita importar a gasolina para o seu consumo cun gasto de máis de 4.000 millóns de euros en 2008) mellor lle iría a Irán.

É tamén certo, que recentemente Irán anunciou que poñería no mercado bonos por valor de 600 millóns de dólares para financiar proxectos de desenvolvemento nas refinerías das localidades de Abadan e Isfahan, pero o que necesita Irán é ter unha industria propia e evitar a fuga de cerebros a Europa e América ( ou o que é o mesmo, autosuficiencia sen axuda externa).

E o mesmo para os norcoreanos.

Se en lugar de fábricar armamento, mellorasen a súa agricultura, unha agricultura non mecanizada e xa que logo cunha produción mínima, ademais de con unhas taxas de desnutrición descomunais, mellor lles iría tamén.

Hai que recoñecer, que a primeira dedicación de Corea do Norte é a agricultura, seguido pola industria e a minería. Con só un 18% de terreo cultivable, logran dar para comer a unha poboación grande (23 millóns de habitantes, así como as diferentes inundacións e secas que sufriron), pero no 2002 segundo a FAO, había máis de 13 millóns de persoas con desnutrición (cunha poboación de 23 millóns, máis da metade da poboación).

Na actualidade, un 40% do petróleo consumido en Corea do Norte provén do Irán, pero se tanto dependen do petróleo iraniano, que lles fabriquen materiais para as refinerías que seguro que a poboación norcoreana e iraniana, agradecerían moito máis ese intercambio, que o intercambio de cartos (Irán) polos recursos humanos e materiais para a fabricación de armas (metais, material eléctrico…) nun país onde escasean todo tipo de recursos (Corea do Norte).

A cuestión pasa pola vontade, pero seguro que tanto o amado líder, como o seu prole están ben alimentados, polo que non lle importa que se malgasten recursos a cambio de recibir uns cartos que a poboación do Irán os necesita.

Opinión feita, logo de ver a nova en Menéame